Francisco Marcellán, Académico Correspondente da Real Academia Galega de Ciencias, acaba de ser galardoado coa Medalla da Real Sociedad Matemática Española. Catedrático de Matemática Aplicada na Universidad Carlos III de Madrid, Marcellán foi profesor nas universidades de Zaragoza, Santiago de Compostela e Politécnica de Madrid. Está adscrito como investigador do Instituto de Ciencias Matemáticas. Realizou estadías como investigador nas Universidades Paul Sabatier (Toulouse), Pierre et Marie Curie (París), Denis Diderot (París) e Lille; e foi profesor visitante no Instituto de Tecnoloxía de Xeorxia (Atlanta) e en Coímbra.

Conta con máis de 270 publicacións en revistas internacionais de alto índice de impacto xunto con setenta publicaciones en actas de congresos. Participou en comités organizadores e científicos de máis de 90 eventos científicos e foi conferenciante convidado nun centenar de congresos da súa especialidade. Forma parte dos comités editoriais, entre outras, das revistas Journal of Approximation Theory e Electronic Transactions in Numerical Mathematics.

Foi vicerreitor de Investigación na Universidad Carlos III de Madrid, director da ANECA e secretario xeral de Política Científica e Tecnolóxica no Ministerio de Educación e Ciencia (2006-2008). É académico correspondente das Academias de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de Colombia e das de Granada e Zaragoza. Na actualidade é presidente da Real Sociedad Matemática Española e do Comité Español de Matemáticas, a organización española adherida á Unión Matemática Internacional.

Share This