O académico da RAGC Juan José Nieto Roig acaba de ser nomeado novo presidente da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug), en substitución de María Patrocinio Morrondo, que exercía o cargo desde o ano 2009.

Juan José Nieto ingresou na RAGC como académico numerario da sección de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación en 2016. Foi director do Instituto de Matemáticas da USC e coordinador do grupo de investigación sobre Ecuacións Diferenciais. Os seus principais intereses en temas de investigación e divulgación son o estudo dos sistemas dinámicos, a modelización matemática a as súas aplicacións a problemas reais e biomédicos.

Foi editor-xefe da revista Nonlinear Analysis: Real World Applications e Fixed Point Theory and Applications e editor, entre outras, do Journal of Mathematical Analysis and Applications,  International Journal of Biomathematics e do Journal of the Franklin Institute. Figura nas últimas edicións da lista publicada por Clarivate Analytics dos Investigadores Altamente Citados desde o ano 2014. Avaliador e asesor de distintos organismos e axencias nacionais e internacionais, fundou a CorBI Foundation (Coruña Biomedical Investigation Foundation) e integrou o Comité Científico da Fundación Gadea por la Ciencia.

Share This