Luis M. Liz Marzán é académico correspondente da Real Academia Galega de Ciencias, na Sección de Química e Xeoloxía. Como recoñecemento á súa magnífica carreira, acaba de ser investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de Amberes. Outórgaselle esta distinción “pola súa experiencia no eido da síntese, caracterización e aplicación de nanopartículas metálicas plasmónicas”. No acto de investidura, o homenaxeado pronunciou unha conferencia maxistral baixo o título “Das nanopartículas aos tumores artificiais: unha viaxe científica pola vida”.

Marzán doutorouse en Química pola Universidade de Santiago de Compostela en 1992. Tras dous anos na Universidade de Utrecht, incorporouse á Universidade de Vigo, onde alcanzou o posto de catedrático de Química Física. Desde 2012 é Profesor Ikerbasque no Centro de Investigación Cooperativa en Biomateriais -CIC biomaGUNE- en San Sebastián, do que foi director científico de 2012 a 2021. É considerado un dos pioneiros no campo da nanoplasmónica e as súas aplicacións en biomedicina. Coautor de máis de 500 publicacións e 9 patentes, dirixiu máis de 30 teses de doutoramento e máis de 60 investigadores posdoutorais, e foi profesor convidado en institucións en todo o mundo.

Recibiu numerosos premios, entre os que destacan a Medalla da Real Sociedad Española de Química, o Premio Rey Jaime I de Investigación Básica e o Premio Nacional de Investigación en Ciencia y Tecnología Químicas. É membro da European Academy of Sciences, da Academia Europaea e da Real Academia de Ciencias de España. Obtivo tamén a prestixiosa ERC Advanced Grant en dúas ocasións.

Vídeo da cerimonia de investidura

Share This