A investidura do impulsor da Química Cuántica en Galicia celebrouse esta tarde no acto de apertura do curso da institución, celebrado no Pazo de San Roque en Santiago

“Temos que convencer á sociedade no seu conxunto de que a ciencia é esencial para manter o estado do benestar”

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou hoxe a apertura do seu curso académico nun acto no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela tamén transmitido pola canle de YouTube da RAGC. Asistiron ao evento o presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio, outros membros do equipo de goberno e académicas e académicos da entidade. Ademais, contouse coa presenza de autoridades como o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López; a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; e o secretario Xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Díez de Castro.

Juan Quintás, catedrático de Análise Económica e académico: “Estamos en plena fase de transición cara unha globalización severamente ralentizada e gobernada por tendencias que modificarán profundamente o mundo no que vivimos”

O académico numerario da RAGC, Juan R. Quintás Seoane, ofreceu unha lección maxistral, titulada “A globalización en transición”. O catedrático de Análise Económica, que foi presidente da Confederación Española de Cajas de Ahorro (CECA), manifestou que, en contra do que moitos cren, “a globalización non é unha etapa radicalmente nova e inédita do capitalismo, senón a forma máis recente de vellas tendencias trans-seculares, onde o seu despregue temporal adopta unha dinámica pendular”.

Quintás Seoane precisa que actualmente estamos en plena fase de transición cara unha globalización “severamente ralentizada e gobernada por tendencias que modificarán profundamente, e a non moi longo prazo, o mundo no que vivimos”. Engade que, ademais, esta fase de transición está caracterizada por varios factores de perturbación, orixe potencial de trastornos que poden chegar a ser moi profundos. E neste punto, Juan Quintás centrou a súa conferencia para presentar aquelas tendencias e examinar a natureza e riscos asociados dos distintos factores de perturbación.

Como exemplo de tendencia, Quintás citou o movemento cara a multifocalidade, na que dous ou tres superpotencias económicas articularán a nova orde mundial, á diferencia da unipolaridade que caracterizou os dous séculos anteriores, con Gran Bretaña dominando no XIX e EEUU no XX. “A fase ascendente de China como poder emerxente desafiando a EEUU como poder establecido, ao que xa avantaxa nalgunhas frontes da máxima relevancia estratéxica, dá lugar a un dos factores de perturbación vinculado á estratexia de desacoplamento económico e confrontación tecnolóxica entre os dous colosos” –asegurou–.

Ríos Fernández foi presidente da RAGC de 2014 a 2019

A Real Academia Galega de Ciencias nomeou neste acto presidente de honra da institución ao catedrático emérito de Química Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Miguel Ángel Ríos Fernández(A Ponte Ulla, Vedra. 1935). Cunha longa traxectoria como docente e investigador, o académico numerario da RAGC exerceu o cargo de presidente de 2014 a 2019 coa convicción de que a Academia debe prestar un “gran servizo a Galicia como entidade que promove e divulga a ciencia entre a sociedade”.

Durante o seu mandato, a RAGC puxo en marcha un programa acelerado de ingresos de novos académicos, coa toma de posesión de vinte numerarios, institucionalizouse o Día da Ciencia en Galicia coa exaltación do Científico Galego do Ano, convocáronse novos premios, actualizouse a orientación e o formato da revista da Academia, e pecháronse convenios de colaboración con diferentes entidades. “Puxen na Academia todo o meu empeño e ilusión, e hoxe recibo con humildade este recoñecemento” –expresou–.

Tamén, Miguel Ángel Ríos foi Secretario Xeral de I+D da Xunta de Galicia, posto no que corroborou o indiscutible valor social da ciencia como “motor do desenvolvemento socioeconómico imprescindible para garantir a competitividade das empresas” e que lle serviu de experiencia para tomar as rendas da Real Academia Galega de Ciencias. “Temos que convencer á sociedade no seu conxunto de que a ciencia é esencial para manter o estado do benestar social e, polo tanto, hai que apostar por ela” –sentenciou–.

Ríos Fernández proseguiu o seu discurso cunha reflexión sobre o concepto de natureza como fonte de recursos naturais e a evolución do sistema produtivo ata a actualidade, marcado polo coñecemento científico e técnico a través da investigación e o desenvolvemento. Segundo o catedrático, un bo exemplo constitúeno as diversas vacinas creadas para combater o coronavirus, pero asegurou que o coñecemento non atopou aínda as súas fronteiras como ben demostran a intelixencia artificial e a robótica cun escenario futuro difícil de imaxinar. “Non é posible poñer límites ao coñecemento da natureza a través da investigación, coñecemento que se converte así no recurso máis importante para o desenvolvemento socioeconómico, un recurso, en principio, inesgotable e non excluínte” –sentenciou–.

Neste escenario de cambio acelerado, o novo presidente de honra da RAGC manifestou que o papel da Academia faise cada vez máis importante e debe actuar como un faro que emita constantes escintileos á sociedade, sobre todo aos máis novos, co propósito de convertela nunha sociedade cientificamente culta, pero tamén mensaxes de orientación para a utilización correcta do coñecemento científico, de asesoramento ás institucións para a toma de decisións no ámbito da ciencia e mensaxes de chamadas de atención cando a situación o demande. “A  RAGC necesita un novo impulso para que poida así exercer coa maior eficiencia a súa importante misión ao servizo de Galicia” –apuntou–.

Juan Lema manifestou a preocupación da RAGC pola limitada presenza da ciencia e a investigación nos plans das universidades e Administracións sobre os fondos Europe Next Generation

Pechando o acto, o presidente da RAGC presentou o avance dun traballo sobre a evolución da produción científica en Galicia, cunha análise comparativa entre Galicia e outras comunidade autónomas e de universidades galegas e do resto de España, un estudo que se presentará proximamente de maneira global á comunidade científica galega.

Como conclusións deste traballo, o presidente explicou que Galicia sitúase nunha posición media, desde un punto de vista cuantitativo e cualitativo, cunha tendencia diverxente á baixa con relación ao resto de España. Ademais, Lema manifestou a súa preocupación sobre a “aparente escasa presenza directa de proxectos sobre investigación e ciencia galegos” no programa de fondos europeos Next Generation EU, tanto desde as universidades como desde as Administracións Públicas.

Traxectoria profesional na docencia e na Administración Pública

Miguel Ángel Ríos Fernández comezou como bolseiro da Fundación Juan Marx e especializado na Universidade de Kent, para despois ser o impulsor da Química Cuántica en Galicia. No seu grupo, instalouse o primeiro ordenador vectorial que chegou á comunidade, un Convex C-120, e baixo a súa dirección directa formáronse cinco catedráticos de universidade e sete profesores titulares distribuídos nas tres universidades galegas. Dirixiu numerosas teses de doutoramento e publicou un número elevado de traballos de investigación en revistas de prestixio internacional. Ríos Fernández traduciu do inglés un texto de referencia en Química Física. Foi Coordinador do Cou 1970, que con carácter experimental se celebrou nas cidades de Santiago, Ourense e Lugo, organizado polo Instituto de Ciencias da Educación (ICE); director do Centro de Cálculo Pedro Barrié de la Maza da Universidade; secretario da Facultade de Ciencias; xefe da División de Investigación do ICE; vicesecretario Xeral; secretario Xeral; vicerreitor de Ordenación Académica e Profesorado e candidato a reitor; director do Departamento de Química Física; secretario Xeral de I+D da Xunta de Galicia; autor dos dous primeiros Plans Galegos de I+D; presidente do Consello de Administración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA); presidente do Consello Asesor para a Innovación en Galicia; e presidente da RAGC. Foi Premio Extraordinario de Licenciatura e Doutoramento e está en posesión da Insignia de Ouro da USC.

Share This