A investigadora do Institut for Research in Biomedicine de Barcelona, Núria López-Bigas, e a catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González, impartiu a sesión ás 19 horas

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación da Coruña, coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), celebraron o xoves, 8 de xullo, unha nova conferencia do cclo Avances en Ciencia e Tecnoloxía que nesta XXIV edición estará centrado nos “Avances recentes no coñecemento do cancro: bases moleculares e aplicacións á clínica”. As charlas celebraranse en formato semipresencial do martes 6 ao venres 9 de xullo, presencialmente no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela (rúa San Roque, 2) e por streaming en horario de tarde.

Nesta terceira xornada do ciclo celebráronse dúas conferencias, ambas moderadas pola investigadora do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO), Marisol Soengas. A primeira sesión foi online ás 19 horas e versou sobre a “O impacto da investigación xenómica na medicina personalizada para os pacientes de cancro”. Estivo impartida por Núria López-Bigas, investigadora do Institut for Research in Biomedicine de Barcelona (IRB).

A Dra. López-Bigas, unha das autoridades mundiais nas análises de xenomas tumorais, deu nesta charla unha visión actual de como o coñecemento do xenoma dos tumores dos pacientes está empezando a impactar en decisións diagnósticas e terapéuticas. A investigadora do IRB explica que os avances no coñecemento do xenoma do cancro está a abrir o camiño á medicina personalizada que permitirá obter mellores clasificacións dos pacientes desde un punto de vista molecular, á determinación de posibles tratamentos de pacientes concretos que teñan alteracións xenéticas moi específicas, ou para obter un mellor entendemento das respostas clínicas dos pacientes. “Hoxe en dia, estas técnicas están pasando xa dos laboratorios básicos aos hospitais, unha tendencia que aumentará nas próximas décadas e que impregnará a forma de tratar e diagnosticar aos pacientes no futuro próximo” –asegura López-Bigas–.

A segunda charla do día impartiuse presencialmente ás 20 horas. A catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo (UVigo), África González, ofreceu un relatorio titulado “Inmunoterapias aplicadas ao cancro”.

A Dra. González, unha das grandes expertas neste tema, deu información básica para comprender os procesos biolóxicos clave que están asociados a estas novas terapias, as distintas modalidades destas novas terapias que se están empezando a usar, e os retos que aínda hai por diante para tratar de forma efectiva aos pacientes con elas.

A catedrática manifesta que a inmunoterapia está a dar nestes días resultados espectaculares en tumores que, ata hai pouco, tiñan índices de supervivencia moi baixos. Malia estes avances, considera que hai aínda retos moi importantes por resolver, como é o de comprender porque uns pacientes responden e outros non, abordar tumores que aínda son resistentes a este tipo de terapias e, tamén, ou ampliar o arsenal de terapias inmunolóxicas a usar nos pacientes.

Como o seu título indica, o ciclo Avances quere dar unha panorámica xeral sobre os avances recentes no cancro cun carácter altamente divulgativo. Intentarase nelas dar información recente sobre técnicas e mecanismos moleculares que median a orixe, progresión e respostas clínicas do cancro. Tamén se ofrecerá unha visión de como estes avances teñen un traslado importante á práctica clínica no ámbito do diagnóstico, tratamento e o desenvolvemento da medicina personalizada.

Todos os participantes poderán solicitar certificado de asistencia. O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias está aberto na plataforma Zoom:

https://us02web.zoom.us/webinar/register/WN_LGNm1oMlQn6WcMc8rmzX_Q

Share This