O catedrático de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria da Universidad Complutense de Madrid, Bruno González Zorn, e o catedrático de Fisioloxía do CiMUS da Universidade de Santiago, Carlos Diéguez, impartiron a sesión

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra celebraron o pasado 6 de maio a segunda sesión do “II Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, unha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsar o enorme labor científico levado a cabo en Galicia.

A deputada de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Olga Mª García Ballesteros, asistiu a esta segunda xornada do ciclo, moderada pola vicepresidenta da RAGC e coordinadora do ciclo, Alicia Estévez.

Este webinario comezou coa charla “Resistencia a antibióticos: A pandemia silenciosa”, impartida polo catedrático de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria da Universidad Complutense de Madrid e director da Unidade de Resistencia a Antibióticos, Bruno González Zorn.

O experto falará sobre este fenómeno e os pasos que se están a dar a nivel mundial para loitar contra esta pandemia silenciosa. A resistencia aos antibióticos é un dos maiores problemas sanitarios da actualidade, ademais da pandemia da covid-19 estendida por todo o mundo desde 2020. Pero González Zorn sinala que, desde hai varios anos, todas as autoridades sanitarias do mundo coinciden en que a resistencia aos antibióticos avanza sen freo e non se están tomando as medidas necesarias para mitigar os seus efectos. “O inimigo non é unha bacteria ou unha enfermidade, senón que é un fenómeno que afecta a multitude de bacterias distintas, e de forma e grao distintos nas diferentes rexións do mundo. Non hai unha vacina que poida freala, nin pode habela. Debemos tomar medidas coordinadas e adaptadas a cada rexión, desde unha perspectiva de ‘Unha Saúde’ ou ‘One Health’, que é aquela que ten en conta a saúde humana, saúde animal e a medioambiental baixo un prisma común e interconectado” –explica–.

A segunda charla da xornada, “É a obesidade a pandemia con maior mortalidade?”, correu a cargo do catedrático de Fisioloxía do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Carlos Diéguez González.

Nesta charla, explicacou como a obesidade é unha enfermidade que de forma relativamente silenciosa é moi nociva para a saúde do individuo. Así mesmo, abordáronse outros aspectos interesantes como a relación entre a actual pandemia da covid-19 e a obesidade, e que se pode facer para loitar contra a obesidade.

Segundo a Organización Mundial de la Salud (OMS), máis de catro millóns de persoas morren cada ano como consecuencia do exceso de peso. Esta cifra considérase que vai seguir incrementándose por varias razóns: a obesidade cada vez é de inicio máis temperán e nas últimas décadas viuse incrementada a súa prevalencia en nenos desde un 4% (1975) a un 18% (2016) en termos de poboación a nivel mundial. Carlos Diéguez destaca que a gran maioría de nenos obesos viven en países subdesenvolvidos nos que o incremento supera o 30%. “No ano 2016, considerábase que había máis de trescentos millóns de nenos con sobrepeso ou obesidade” –asegura–. Outra poboación especialmente vulnerable é a muller, como consecuencia da súa menor talla media, ganancias de peso ligadas a embarazos e cambios hormonais na menopausia. Por exemplo, Diéguez apunta que a prevalencia de sobrepeso e obesidade en mulleres entre 40 e 60 anos en EEUU sexa do 66%.

O conxunto do II Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos consta de dous bloques, un primeiro con dez relatorios impartidos por once recoñecidos expertos entre abril e xullo, e un segundo bloque con cinco conferencias presenciais en institutos de Secundaria e Bacharelato durante o inicio do curso académico 2021-2022 –de setembro a decembro–.

Share This