O responsable de I+D da División de Sensórica e de Sistemas Aéreos non Tripulados do Instituto Tecnolóxico de Galicia, Jorge Seoane, impartirá a charla no salón de actos da Deputación provincial ás 19 horas, que tamén se poderá seguir en streaming

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), celebran o luns, 22 de novembro, a quinta conferencia do XXXII ciclo Luis Asorey, centrado nesta edición de 2021 na “Dixitalización do sector agrario en Galicia”, tema de candente actualidade, con conferencias nas que se irán abordando as estratexias autonómica, nacional e europea  e as referentes á modernización tecnolóxica dos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, e do rural en xeral, a través de fórmulas como as “Smart farmings” ou as aldeas intelixentes. Tamén se exporán casos de éxito en relación coa dixitalización do sector.

Para este ciclo, coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, a inscrición é gratuíta e desenvolverase ata o 24 de novembro en formato mixto: presencial, no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), e de forma telemática a través da canle de Youtube da RAGC, en horario de 19:00 a 21:00 horas.

O ciclo está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia como actividade de formación do profesorado non universitario.

A charla do luns versará sobre “Drons aplicados á xestión agroforestal” e estará impartida polo responsable de I+D da División de Sensórica e de Sistemas Aéreos non Tripulados do Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Jorge Seoane Brandariz.

Os drons convertéronse nos últimos anos en ferramentas habituais en múltiples ámbitos, como no sector agroforestal e a entrada en vigor da nova normativa europea de drons, abre a posibilidade de levar a cabo novas operacións. Desde o Instituto Tecnolóxico de Galicia, Seoane sinala que traballan no desenvolvemento das tecnoloxías habilitadoras dos sistemas aéreos non tripulados para facilitar a súa chegada ao noso día a día nun sector clave para Galicia. O relatorio versará sobre a introdución á normativa europea de drons e a evolución prevista nos próximos anos, o estado da arte da tecnoloxía e casos prácticos de aplicación no sector agroforestal. 

Jorge Seoane Brandariz é enxeñeiro superior de Telecomunicacións (especialidade telemática) pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros da Universidade de Vigo (2009) e posúe un Máster de especialización e en Tecnoloxías da Información e Comunicacións en Redes Móbiles pola mesma universidade (2012).

No 2009 incorpórase ao ITG, onde é actualmente o responsable de I+D na División de Sensórica e UAS e desempeña tamén funcións de xestor de produtos.  Ao longo da súa traxectoria laboral participou en máis de 15 proxectos de I+D a nivel estatal e europeo, en calidade de director de proxecto e experto no ámbito da integración de sensores, dos sistemas embebidos e das comunicacións inalámbricas. Destaca a súa experiencia en multitude de proxectos dos ámbitos agro-alimentario e forestal (WICROPS, SMART-CROPS, GALENO, TESA, XESTAL, SMARTOM, BITTERLICH, CONNSENSYS, S3FOOD).

INSCRICIÓN para participar gratuitamente en todas as conferencias.

Share This