O seu equipo descubriu que certos catalizadores artificais conseguen promover reaccións químicas programadas no interior das células, un achado moi relevante de cara ao desenvolvemento de novas terapias baseadas na activación selectiva de fármacos

A Real Academia Galega de Ciencias celebrou no compostelán Pazo de San Roque o acto de ingreso de José Luis Mascareñas Cid (Allariz, 1961), catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago, como académico numerario da institución. O investigador pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “Ciencia, Catálise e Vida”, que foi contestado en nome da RAGC polo académico Franco Fernández González.

O presidente da RAGC, Juan Lema, abriu o acto, ao que asistiron outros académicos, así como a subdirectora xeral de Promoción Científica, Mª Jesús Tallón; Iria Carreira, do Grupo Parlamentario do BNG; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o vicerreitor de Política Científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC, Salvador Naya; o presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Ángel Concheiro; e a alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid; xunto a diversos representantes de institucións políticas, culturais e académicas galegas.

Na busca de novos coñecementos para aplicalos á resolución de problemas reais

O presidente deulle a benvida ao novo académico, ao que se referiu como “un profesor e investigador brillante”. Del destacou o seu interese pola obtención e caracterización de  compostos bioactivos, a busca de novos coñecementos para aplicalos á resolución de problemas reais e unha moi intensa relación internacional. “Tralo seu doutoramento ampliou o seu perfil cientifico na prestixiosa Universidade de Stanford e posteriormente no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, Harvard e Cambridge, unha declaración de intencións ben significativa do seu interese en buscar alianzas do máximo nivel internacional” -salientou Juan Lema-. Tamén incidiu nas “relevantes técnicas de síntese” desenvoltas polo homenaxeado co obxectivo de obter compostos bioactivos de utilidade farmacolóxica. Nesta liña, sinalou que Mascareñas é autor de nove patentes, “un moi claro sinal da orientación do seu traballo”.

José Luis Mascareñas: “Sen o achado da penicilina non existirían os antibióticos e sen a fragmentación do ADN os avances na Medicina personalizada”

No seu discurso José Luis Mascareñas puxo de relevo que “o obxectivo fundamental da investigación científica debe ser a creación de novo coñecemento, mesmo por riba das propias aplicacións. A investigación dirixida a resolver problemas socioeconómicos urxentes ou circunstanciais é moi importante e necesaria, pero non pode facerse ao prezo de reducir o esforzo en ciencia básica, que é a que, a medio prazo, adoita xerar resultados cun impacto máis transformador para as nosas vidas”. Nesta liña, indicou que o seu campo de traballo, a química, “está chea de exemplos que demostran como as investigacións ligadas á curiosidade e ao simple interese por expandir a fronteira do coñecemento teñen unha influencia decisiva sobre o noso benestar. É o caso do achado da penicilina, que inaugurou a era dos antibióticos; ou o dos primeiros métodos moleculares de fragmentación do ADN descubertos na década dos 60, que logo permitirían os avances na secuenciación xenética e, á larga, o xurdimento da Medicina personalizada”.

Tal como subliñou o novo académico, “unha das áreas da Química onde se teñen producido máis avances de tipo fundamental nas últimas décadas é no desenvolvemento de catalizadores, substancias que, como os enzimas, favorecen determinadas transformacións químicas, sen esgotarse no proceso. Cómpre lembrar que os enzimas son as biomoléculas responsables de promover as reaccións químicas que acontecen dentro das nosas células. Algúns destes catalizadores `non naturais´ teñen tido unha repercusión moi directa no noso progreso e benestar, posibilitando por exemplo a preparación de medicamentos ou fertilizantes agrícolas, ou a creación de novos materiais e tecnoloxías, entre outras moitas aplicacións”.

Mascareñas salientou que “hai uns anos, no seo do noso grupo de investigación, preguntámonos se algún destes catalizadores artificiais podería funcionar no mesmo lugar onde actúan os enzimas, é dicir, dentro das células e dos organismos vivos. Motivados pola curiosidade e o desexo de explorar esta interface entre catálise artificial e vida, fomos quen de descubrir que certos catalizadores metálicos -de paladio, de rutenio e algúns outros- conseguen promover reaccións químicas programadas no interior das células vivas. A pesar de que estes descubrimentos están aínda na súa infancia, e deben enmarcarse no eido da ciencia fundamental, é ben posible que poidan ter aplicacións en biomedicina, especialmente de cara ao desenvolvemento de novas terapias baseadas na activación selectiva de fármacos”.

Franco Fernández, académico: “Os  coñecementos científicos que xeremos hoxe, axudarannos a resolver problemas vitais que se nos presentarán mañá”

O académico Franco Fernándezrespondeu á disertación do novo membro da RAGC, destacando o valor da ciencia básica, área na que traballa Mascareñas, fronte á ciencia aplicada. “É unha dicotomía un tanto artificial e certamente perigosa. Ámbalas dúas son absolutamente necesarias. Así, moitos dos achados que na súa orixe foron casuais, no contexto de investigacións motivadas pola mera curiosidade de expandir o coñecemento na Física, a Química ou a Bioloxía, acabaron sendo a peza fundamental para o desenvolvemento de utilidades técnicas que hoxe en día nos parecen tan desexables e imprescindibles como as probas PCR, os raios X, a luz láser, o GPS, os antibióticos ou a secuenciación xenómica, entre outras moitas” -salientou-. O académico concluíu a súa intervención manifestando que “os  coñecementos científicos que xeremos hoxe, axudarannos a resolver problemas vitais que se nos presentarán mañá”.

Lema destacou a súa “enorme proxección internacional” e a súa implicación en analizar cuestións que afectan directamente á economía ambiental galega como os incendios forestais, os recursos mariños ou a economía do cambio climático e as súas repercusións a nivel galego e global. “Estamos seguros de que a profesora Loureiro vai contribuír desde a RAGC a influír na percepción social da importancia de acelerar a transición cara a un novo modelo económico onde os aspectos ambientais cobren una dimensión decisiva” -salientou-.

María Loureiro: “Cómpre personalizar impostos e subvencións climáticas”

No seu discurso María Loureiro sinalou que “a crise poscovid xunto á invasión de Ucraína aceleraron o debate actual sobre a urxencia de empurrar a necesaria transición enerxética, considerando á vez que esta debería ser non só rápida, senón tamén xusta”. Nesta liña, a investigadora puxo de manifesto que “durante o século XX houbo aportacións no ámbito da economía que nos describían os riscos que corriamos se non considerabamos o medio ambiente na toma de decisións económicas”.

En relación ás políticas en materia ambiental, como os impostos verdes, indicou que “non son sempre nin as favoritas nin as que favorecen a toda a poboación”. Para que estas políticas funcionen adecuadamente, a experta indica que “a involucración e aprobación da cidadanía é fundamental, por ser o medio ambiente un dos bens públicos máis prezados que temos”. Así, da análise realizada polo seu equipo de investigación mediante ferramentas baseadas en big data, extráese que “as políticas de impostos ás emisions non son especialmente populares hoxe en día entre a cidadanía”. Segundo a nova académica, “a preocupación fundamental dos cidadáns en materia ambiental céntrase nas consecuencias da súa propia vulnerabilidade económica acentuada pola crise ambiental. Isto chama á necesidade de xerar instrumentos de carácter económico máis personalizados”.  

A investigadora incidiu na relevancia de afrontar a transición enerxética gravando aos que realmente poidan pagar máis -que xeralmente tamén son os que contribúen en maior medida ao quecemento global- ou aos grandes consumidores -como empresas de renting ou transporte- e menos a outros segmentos da poboación máis débiles e menos responsables do cambio climático.

“Para levar a cabo estas políticas máis sofisticadas, xustas e efectivas, necesitamos personalizar impostos e subvencións climáticas. Ao meu xeito de ver, este obxectivo pasa por empregar datos que nos permitan asegurarnos de que non son as clases máis desfavorecidas as que pagan a transición climática para todos nós.  E, sobre todo, que fagamos políticas económicas que poñan de manifesto que o benestar da xente importa, e moito” -destacou-.

José Antonio Redondo, académico da RAGC: “O traballo de María Loureiro axudará a engrandecer o labor desta Academia ao servizo da ciencia e da sociedade”

O académico José Antonio Redondorespondeu á disertación da catedrática, sinalando que “María Loureiro incorpórase á RAGC a semana na que a catástrofe do Prestige cumpre 20 anos e na que a nosa nova académica tivo un papel fundamental na opinión pericial dos danos, 4.000 millóns de euros”.

En relación á situación ambiental global, Redondo apuntou que “o cambio climático, a contaminación das augas (continentais e mariñas) e a sobreexplotación están a comprometer o futuro de noso planeta para as novas xeneracións. É urxente unha maior implicación da sociedade, a colaboración directa dos responsables públicos e, por suposto, unha investigación científica e tecnolóxica continua. Todos estamos de acordo no camiño a seguir pero debemos facernos unha pregunta: a que estamos despostos a renunciar os que vivimos en países privilexiados?” E concluíu a súa intervención afirmando que “non teño dúbida de que o traballo de María axudará a engrandecer o labor desta Academia ao servizo da ciencia e da sociedade”.

Share This