A especialista en estudos de xénero Xoana Pintos, a investigadora científica do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC en Vigo, Carmen González Sotelo, e o catedrático da Universidade de Vigo, Gabriel Rosón, impartiron a sesión

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra continuaron o pasado 3 de xuño coa celebración do “II Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, unha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsar o enorme labor científico levado a cabo en Galicia.

A deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial da Deputación de Pontevedra, Ana M.ª Mejías, inaugurou esta cuarta xornada do ciclo, moderada pola vicepresidenta da RAGC e coordinadora do ciclo, Alicia Estévez, que se celebrou presencialmente cno salón de plenos do Pazo Provincial de Pontevedra, ademais de emitirse por streaming.

A primeira charla, titulada “Mulleres na ciencia, mulleres na sombra”, estivo impartida pola doutora en Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en estudos de xénero e na presenza da muller no eido científico, Xoana Pintos. A experta indica que a presenza das mulleres na produción do coñecemento foi máis numerosa do que se pensa e destaca que a súa invisibilidade non foi unha coincidencia nin se produciu por falta de méritos pola súa parte. “A historia e a construción da ciencia moderna fundamentouse nos piares da inxustiza, da desvalorización e da ocultación dun grande número de mulleres científicas. Esta historia incompleta debe ser revisada, debendo saír á luz as achegas nas diferentes disciplinas científicas, nun traballo de visibilización” –sinala–.

Na súa intervención, Xoana Pintos fixo un repaso á presenza feminina nos ámbitos científicos, con especial énfase nas universitarias, revisando o papel das mulleres galegas desde o momento no que se permitiu o seu acceso aos estudos superiores, no pasado século. Destacou a figura da médica, docente e xenetista, Jimena Fernández de la Vega, nomeada Científica Galega do Ano 2021 pola RAGC. Finalmente, analizou en que forma persiste esta discriminación no século XXI, nunha sociedade democrática.

Semblanza de Aida Fernández Ríos

A segunda charla da xornada tratou sobre “Aida: máis que Ciencia”. Os dous relatores –Carmen González Sotelo, investigadora científica do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM) do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) de Vigo, e Gabriel Rosón, catedrático da Área de Física da Terra da Universidade de Vigo (UVigo)– fixeron unha semblanza de Aida Fernández Ríos, tanto desde o punto de vista persoal como científico, sobre todo en temas relativos á acidificación oceánica.

Aida Fernández Ríos (Vigo, 4 de marzo de 1947 – Moaña, 22 de diciembre de 2015) foi unha científica, doutora en Bioloxía e oceanógrafa. Estudaba Peritaxe Mercantil cando unha compañeira científica animouna a presentarse ás oposicións a axudante de laboratorio do CSIC en Vigo. Obtivo a praza e con 25 anos comezou a traballar como auxiliar de laboratorio. Ao mesmo tempo comezou os seus estudos de Bioloxía na UVigo e defende a súa tese doutoral en 1992 USC titulada “O fitoplancton na ría de Vigo e as súas condicións ambientais”.

Con esforzo e superación, foi avanzando na súa carreira investigadora como científica climática e bióloga mariña especializada no estudo do océano Atlántico. O seu principal interese científico centrouse nos cambios físico-químicos que se producen nos océanos e que repercuten no futuro do planeta Terra.

Aida está considerada unha das principais expertas de Europa na relación entre as emisións de dióxido de carbono de orixe antropoxénico e o aumento da acidez na auga do mar, principalmente no Atlántico. Participou en máis de 50 proxectos de investigación en todo o mundo e en 30 campañas oceanográficas realizadas nos océanos Atlántico e Índico e na Antártida, das que foi xefa científica en cinco delas. Autora de máis dun centenar de traballos de investigación en revistas internacionais, promocionou na súa carreira investigadora ata o grao máis alto, o de profesora de investigación, e foi a primeira muller en dirixir o IIM-CSIC entre 2006 a 2011. En 2001, foi galardoada co premio Galega Destacada e converteuse na terceira muller en ingresar na RAGC o 6 de xuño de 2015.

Carmen González Sotelo traballou con Aida durante o período no que fora directora do IIM, tendo un trato moi próximo con ela en temas relacionados coa xestión da ciencia. Na súa intervención, falou da súa relación profesional e persoal con Aida, repasando brevemente a súa traxectoria laboral, sobre todo no momento en que a coñece en profundidade ao traballar con ela como vicedirectora do IIM. Finalmente, fixo un resumo dos seus valores persoais.

Pola súa parte, Gabriel Rosón fixo a súa primeira campaña transoceánica con Aida nun dos primeiros cruceiros do Hespérides en 1992 e traballaron conxuntamente no ámbito científico establecendo un trato de amizade moi forte. “A miña relación persoal e profesional con Aida estendeuse durante 26 anos. Comezou en xaneiro de 1989 cando cheguei como becario predoutoral ao Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo. Foi unha das persoas que mellor me acolleu no seo do Grupo de investigación de Oceanoloxía, e aprendín moito dos seus valiosos consellos, tanto desde o punto de vista humano como científico” –manifesta–.

En 1992, Gabriel Rosón comeza a traballar como profesor na UVigo, pero a relación entre ambos segue a ser moi estreita, mesmo participando en numerosos proxectos de investigación que involucraron longas campañas en buques oceanográficos, onde tiveron a oportunidade de traballar cóbado con cóbado e fortalecer a súa relación. “Estas actividades servíronme para apreciar a gran calidade humana e profesional de Aida” –asegura–.

O II Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos consta de dous bloques, un primeiro con dez relatorios impartidos por once recoñecidos expertos entre abril e xullo, e un segundo bloque con cinco conferencias presenciais en institutos de Secundaria e Bacharelato durante o inicio do curso académico 2021-2022 –de setembro a decembro–.

Share This