Carlos Salgado, José Manuel Sabucedo e Luis Miguel Botana, da USC, xunto con Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa, da Uvigo, recibiron as Medallas de Investigación 2020.

Recolleron os seus galardóns os científicos do CiMUS e do CITIC que resultaron gañadores dos Premios de Investigación 2020 nas categorías senior e mozos.

No acto homenaxeouse tamén a figura do enxeñeiro Andrés Comerma como científico destacado do ano.

Santiago, 8 de outubro de 2020. O presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan M. Lema Rodicio, agradeceu o compromiso da Xunta de promover un Pacto pola Ciencia en Galicia, iniciativa impulsada pola RAGC para dinamizar o modelo socioeconómico do futuro, e ofreceu a colaboración da institución para a súa concepción. Ademais, mostrou a súa satisfacción pola boa acollida que tivo por parte dos axentes políticos e académicos de Galicia a recomendación realizada pola RAGC de establecer un programa forte para a atracción e retención estable de talento investigador en Galicia. Segundo lembrou Lema, estas recomendacións partiron do informe da RAGC sobre a evolución da produción científica galega e das posteriores reunións con investigadores e cos responsables das tres universidades e dos centros do Consello Superior de Investigacións (CSIC) en Galicia.

Durante a súa intervención no acto académico do Día da Ciencia en Galicia, o presidente da RAGC destacou tamén a resposta rápida e eficaz dos investigadores e investigadoras de Galicia ante a crise da Covid-19. Entre os numerosos avances protagonizados por equipos científicos galegos para contribuír á resposta global ante a pandemia, Lema mencionou o deseño e desenvolvemento de vacinas, o estudo da dependencia entre a infectividade e o xenoma, modelos preditivos da evolución de contaxio, técnicas de detección precoz mediante a análise das augas residuais e novos procedementos de desinfección e detección.

O acto, celebrado no Colexio de Fonseca, en Santiago de Compostela, estivo presidido por Lema e polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo. Asistiron, entre outras personalidades, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o coordinador do CSIC en Galicia, Antonio de Ron; e o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Antonio Duelo.

Luis Puig, un dos bisnetos de Andrés Comerma, foi o encargado de glosar a figura deste polifacético enxeñeiro, elixido este ano protagonista do Día da Ciencia en Galicia. Puig destacou o carácter visionario e audaz do seu bisavó como responsable do deseño do Dique da Campá no Arsenal de Ferrol –a obra máis importante realizada en Galicia no século XIX e que, polas súas dimensións, se converteu nun dos máis grandes do mundo na súa época–, así como do proxecto para unir Europa e África mediante a construción dun túnel submariño de 19 km. baixo o estreito de Xibraltar. Puig tamén lembrou a paixón de Comerma pola innovación tecnolóxica, ata o punto de que actuou como introdutor en Galicia de numerosas invencións punteiras naquela época, como a telefonía e os raios X.

Na conmemoración desta homenaxe participaron tamén o Consello da Cultura Galega e o Concello de Ferrol, que colaboraron na edición dunha monografía que recolle os principais fitos da traxectoria científica, persoal e social de Comerma, así como un roteiro que percorre os puntos máis emblemáticos da cidade de Ferrol relacionados con él. 

Medallas e premios de investigación

Durante o acto foron entregadas as Medallas de Investigación da RAGC a cinco científicos de prestixio en cada unha das súas cinco seccións, aos que Lema felicitou polas súas excelentes traxectorias.

Recibiron a distinción José Manuel Sabucedo, catedrático de Psicoloxía Social da USC (Medalla Domingo García-Sabell Rivas); Xosé Ramón Nóvoa, catedrático de Química da UVigo (Medalla Isidro Parga Pondal); Luis Miguel Botana, catedrático de Farmacoloxía da USC (Medalla Ánxeles Alvariño); Carlos Salgado, director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC (Medalla Enrique Vidal Abascal); e Jesús Simal, catedrático de Nutrición e Ciencia Alimentaria da Uvigo (Medalla Antonio Casares Rodríguez).

Tamén se fixo entrega dos Premios de Investigación Ernesto Viéitez Cortizo, para os que, segundo subliñou o presidente da RAGC, se recibiron nesta edición cerca de 90 candidaturas. O Premio de Investigación 2020 foi recollido polos responsables do descubrimento dunha ferramenta para a reprogramación celular que abre novas portas ao estudo e ao tratamento de enfermidades coma o cancro e as doenzas autoinmunes. O equipo galardoado está liderado polos grupos de Epitranscriptómica e Envellecemento e de Células Nai e Enfermidades Humanas do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC e conta coa participación de grupos científicos de Reino Unido, Estados Unidos, China, Australia e Canadá.

O enxeñeiro Raúl Santoveña, do Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC, recolleu o premio para investigadores mozos. O seu traballo, publicado o mes pasado na prestixiosa revista Nature Communications, baséase no descubrimento dun novo tipo de estrelas moi ricas en fósforo, o que podería desvelar a orixe deste elemento fundamental para a vida na Terra.

En ambas as dúas categorías foron entregadas hoxe mencións honoríficas. No caso do premio a investigadores sénior, a no enxeñeiro Jesús Balado, do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo. Na categoría de investigadores mozos, a Esteban Suárez, do grupo Nanobiomol do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC.

Share This