A Real Academia Galega de Ciencias analizou nun seminario con participación de máis de 250 asistentes as perspectivas e oportunidades económicas de Galicia trala crise da covid-19. No seminario, coordinado polo Presidente da RAGC, Prof. Juan M. Lema, participaron os Académicos Prof. Juan R. Quintás, Catedrático de Análise económica, e Prof. Luis Caramés, catedrático de Economía aplicada da USC, a Académica Correspondente Profesora Beatriz González López-Valcarcel, Catedrática de Economía na Universidade de Las Palmas de Gran Canaria e asesora do Ministerio de Sanidade, e o Prof. Miguel Vázquez Taín, profesor de Economía Aplicada na USC e presidente do Consello Galego de Economistas.

Analizando a situación baixo unha perspectiva internacional, O Prof. Juan R. Quintás, indicou que mentres a primeira reacción da Unión Europea ante a crise da covid19 foi decepcionante (peche de fronteiras, competencia desleal por equipos sanitarios, fracaso radical do sistema de alerta) a reacción posterior, como a actuación do Banco Central Europeo, o relaxamento das súas directrices orzamentarias sobre axudas estatais e a recente proposta, polo eixo franco alemán, dun fondo para transferencias por importe de medio billón de euros, resulta moi esperanzadora. O Prof. Quintás considera que ademais de contribuír ó financiamento do esperado déficit, esta actuación permitirá a modernización do noso sistema socioeconómico e con mellores posibilidades de xestión eficaz e rigorosa. Esta revitalización implicaría a delegación de máis poderes e a transferencia de máis recursos dos Estados membros á UE pero a cambio prevé unha saída da crise cunha UE máis forte, máis unida, mellor preparada para afrontar os grandes retos. Porén, a plazo inmediato, a caída do PIB español en 2020 estímase no entorno ao 11%, sen poder volver ao seu nivel antes da crise ata finais de 2023 ou o primeiro trimestre de 2024.

A crise da covid-19, indica a Prof. Beatriz González,  vai aumentar as desigualdades socioeconómicas preexistentes, feito xa observado visto en epidemias anteriores. Espérase, asemade un incremento na brecha educativa de xeito significativo. Para contrarrestar esta tendencia as medidas políticas de ingresos actuais (ERTES, axuda ás familias) son instrumentos esenciais pero insuficientes para un problema da magnitude actual polo que compre deseñar políticas públicas máis ambiciosas. Indica a Prof González que a saúde está a gañar relevancia, agardándose aumentos significativos no gasto sanitario nos próximos anos, cun maior papel na atención primaria. Porén, a crise da covid-19 fomentou cambios na organización e na xestión, dándolle unha maior importancia á telemediciña, que pode consolidarse, permitindo así a mellora do SNS.

Analizando a crise baixo un punto de vista empresarial, o Prof. Vazquez Tain indicou que na nosa Comunidade, perderon o emprego o 4,5% no dos traballadores e o 31,6% se viron afectados por un ERTE. No réxime de autónomos, o 25% solicitaron unha prestación por cese ou redución de actividade. Estes impactos se concentran principalmente en cinco ramas de forma moi significada: industria manufactureira (22,9%), hostalería (20,1%), comercio (18,1%), construción (7,2%) e actividades artísticas recreativas e de entretemento (4%).

Esta realidade do tecido produtivo e dos sectores impactados, indica o Prof. Vázquez Taín,  debe ser tida en conta ao orientar as liñas de actuación para minimizar o impacto da crise e impulsar a reactivación económica. A recuperación vai a ser asimétrica segundo sectores pero tamén, dentro destes, en función da diferente capacidade dos axentes económicos que o integran e, por iso, debe prestarse especial atención ao menor músculo que presentan autónomos e micropymes, maioría no tecido dalgún dos sectores fortemente impactados.

Indicou o Prof Vázquez Taín que de cara a unha recuperación económica, o importante grao de internacionalización da economía galega resulta un elemento positivo, aínda que a evolución económica dos países de destino das nosas exportacións, vai ser un factor esencial, ao tempo que pode incidir nas cadeas de subministración. Nesta liña, a Prof. González considera que  é previsible que a recuperación económica en Galicia sexa máis rápida porque a participación no PIB rexional dos sectores que máis tardará en reabrirse a pleno rendemento (turismo e viaxes, sobre todo) é inferior a noutras rexións é maior o peso do sector primario, que non reduciu a actividade durante o confinamento.

Nesta mesma liña de internacionalización da economía galega, o Prof. Caramés salientou a relevancia extrema das interdependencias produtivas, ou o que é o mesmo, as cadeas de valor. O desglose ou a debilidade destas cadeas amosarán a vulnerabilidade de determinados sectores ou parte deles. Isto non nos debería pensar que unha saída é a volta a unha determinada forma de autarquía, que nunca foi unha solución e menos aínda agora, dado o grao de interdependencia da economía global. Galicia, con compañías moi importantes –por exemplo, no sector téxtil e da automoción, entre outras—, vén construíndo cadeas complexas de subministración a escala global, buscando eficiencia, practicando o principio de “just in time.

Salientou o Prof. Caramés, que a maioría das cadeas de valor nos países europeos son máis europeas que asiáticas, pero o que conta son os vínculos, algúns esenciais. Galicia, nalgunhas das súas producións, vai realizar cambios na súa oferta ou na importación de produtos fabricados, pero estes efectos de substitución requiren tempo, non sempre son automáticos e nada asegura que o farán as empresas galegas. En téxtiles, por exemplo, Portugal está en bloque. Finalmente destacou a necesidade de contar con persoal formado, que pode ser un elemento decisivo neste momento, cara ás empresas que queren mudarse.

Como conclusión xeral, os poñentes indicaron que esta crise debe ser aproveitada como unha oportunidade para acometer reformas que impulsen o noso tecido produtivo, mellorando a súa competitividade mediante o reforzamento das estruturas empresariais, o incremento do peso relativo nas cadeas de valor e a concentración de actividades e agregación de capacidades. Todo elo focalizando esforzos naquelas ramas produtivas que exercen un maior efecto tractor sobre o resto da economía galega.

Share This