A Academia recoñece así a súa “ampla e frutífera” traxectoria no eido da divulgación científica en Galicia, e en particular, o seu traballo pioneiro na creación de museos de carácter científico na comunidade galega e noutras rexións de España

O considerado promotor da nova museoloxía científica en España, móstrase “emocionado y sumamente agradecido” polo recoñecemento máis importante da súa vida profesional

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) concede o Premio RAGC de Divulgación Científica 2021 ao divulgador científico Ramón Núñez Centella, considerado o promotor da nova museoloxía científica en España. A Academia recoñece con esta concesión a súa “ampla e frutífera” traxectoria no eido da divulgación científica en Galicia, e en particular, o seu traballo pioneiro na creación de museos de carácter científico na comunidade galega e noutras rexións de España “o que o converten nunha figura senlleira da divulgación da ciencia, merecedor do premio”.

“El recibir este premio me hace sentir emocionado y sumamente agradecido” –manifesta o galardoado–. Núñez Centella considera que é, quizais, o recoñecemento máis importante que tivo na súa vida profesional. Destaca tamén o valor que para el ten a RAGC, institución que tivo entre os seus fundadores persoas que foron mestres ou referentes na súa xuventude, como Luis Iglesias, Enrique Vidal Abascal, Isidro Parga Pondal ou Domingo García Sabell. “Me siento orgulloso de que la socialmente imprescindible profesión de educador de la ciencia sea reconocida por una institución del prestigio de la RAGC” –asegura–.

Ramón Núñez Centella (A Coruña, 1946) é divulgador científico. Fillo, neto e bisneto de mestres. Moncho Núñez mudou a súa orientación profesional da industria química á educación das ciencias e logo á divulgación e mais á museoloxía.

É licenciado en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e Master of Arts en Educación das Ciencias pola New York University (NYU). Concibiu e deseñou os tres museos científicos coruñeses de titularidade municipal –Casa das Ciencias, Domus (Casa do Home) e Aquarium Finisterrae (Casa dos Peixes)–, creados e financiados polo Concello da Coruña, desde a súa creación ata 2008.

Logo realizou o Plan Museolóxico do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología de España (MUNCYT), que se inaugurou na Coruña, e dirixiuno ata 2013. Tamén participou no deseño museolóxico doutros centros, como o Museo de las Cièncias de Valencia e o Museo de la Evolución Humana en Burgos. Está considerado como o impulsor da nova museoloxía científica en España.

Moncho Núñez é director e autor do guión de decenas de exposicións e programas de planetario. Máis alá do seu labor en museos, contribuíu á educación e divulgación da ciencia con centenares de artigos en prensa, sendo colaborador habitual en diversos medios de comunicación, como a revista Muy Interesante. Tamén fixo divulgación científica en programas de radio e televisión e outros formatos. Ademais, participou en numerosas conferencias en todo o mundo sobre museoloxía, divulgación, didáctica das ciencias, xornalismo científico e historia da ciencia. É autor de libros como “Nombres Comunes, Visiones Propias“, “Esta es mi gente” ou “Un científico en la cocina”. Foi Premio Nacional de Periodismo Científico e membro, entre outras institucións, da Asociación Española de Comunicación Científica, da Academia de Gastronomía de Galicia, da New York Academy of Sciences e da Royal Institution. Ten, entre outros, o premio Mario Bohoslavsky (2000), e o premio de divulgación JM Savirón (2009). 

Share This