O profesor Tito Antonio Varela López faleceu o 11 de abril de 2023 en Santiago de Compostela, cidade na que viviu gran parte da súa vida. Será enterrado no seu pobo natal, Escairón.

Tito Varela ingresou en 1982 como académico da RAGC na sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde e foi secretario da mesma no período 1982-1990 e tesoureiro entre 1990 e 2013. Foi presidente da Sociedad Española de Antropología Física entre 1984 e 1987.

Traballou na Universidade de Barcelona e volveu a Galicia, a Santiago de Compostela, en cuxa universidade foi catedrático de Antropoloxía Biolóxica da facultade de Bioloxía. O Dr. Varela traballou en varias das áreas da Antropoloxía Biolóxica. A súa tese de doutoramento, lida na Universidade Complutense de Madrid en 1973, versou sobre o estudo antropolóxico dos restos óseos procedentes de necrópoles visigodas da Península Ibérica e tivo un importante impacto na comunidade científica da época. Posteriormente, traballou en consanguinidade e ADN mitocondrial.

Na súa última etapa en activo centrouse na análise de secuencias Alu. Como investigador estaba profundamente interesado na evolución humana e as relacións filoxenéticas, cuestión á que lle daba voltas frecuentemente cos seus colegas e alumnos. Na súa vida académica escribiu 29 artigos e dirixiu catro teses de doutoramento, a última a de Olalla Lopez-Costas, que acaba de recibir unha “Consolidator Grant” para o estudo da contaminación na época do imperio romano.

Déixanos moitas anécdotas e lembranzas, entre outras a súa particular broma de que el conseguira refutar a segunda lei da termodinámica, pois coa idade estaba a volverse menos entrópico e máis ordenado.

 

Autora: Olalla López-Costas, Profesora de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela

Share This