O xerente de Proxectos da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais de AMTEGA, Manuel Barcón Goás, impartirá a charla no salón de actos da Deputación provincial ás 19 horas, que tamén se verá en streaming

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), inaugurará o luns, 15 de novembro, o XXXII ciclo Luis Asorey, centrado nesta edición de 2021 na “Dixitalización do sector agrario en Galicia”, tema de candente actualidade, con conferencias nas que se irán abordando as estratexias autonómica, nacional e europea  e as referentes á modernización tecnolóxica dos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, e do rural en xeral, a través de fórmulas como as “Smart farmings” ou as aldeas intelixentes. Tamén se exporán casos de éxito en relación coa dixitalización do sector.

Para este ciclo, coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, a inscrición é gratuíta e desenvolverase do 15 ao 24 de novembro en formato mixto: presencial, no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), e telematicamente a través da canle de Youtube da RAGC, en horario de 19:00 a 21:00 horas. O ciclo está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia como actividade de formación do profesorado non universitario.

O ciclo será inaugurado o luns polo presidente da RAGC, Juan Lema; o deputado da Área de Participación Cidadá da Deputación de Lugo, Roberto García Pernas; e a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da USC, Montserrat Valcárcel Armesto. Esta primeira conferencia versará sobre “Contexto europeo, español e galego sobre dixitalización e robótica. Estratexia Galicia Dixital 2030” que impartirá o licenciado en Informática e xerente de Proxectos da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Manuel Barcón Goás.

Segundo explica Barcón, a dixitalización ten entrado na sociedade para permanecer nela e transformala. Sinala que non se pregunta se un sector, empresa, organización ou administración está presente nesta visión da realidade e da tecnoloxía senón en que grao o está. “Cómpre detérmonos a pensar e compartir cal é e cal pode ser a posición de Galicia, España e Europa nesta corrente de cambio global” –apunta–.

O experto explica que algo característico desta transformación completa é a súa progresibidade e rápidez, “xa que asistimos a cambios disruptivos continuos que son aceptados e incorporados á vida cotiá en meses ou semanas. Algúns destes cambios serán completamente inesperados e só unha vez que se teñan producido mostránsenos coma obvios e evidentes. Será un tempo de cisnes negros” –argumenta–.

Este ano publicouse a Estratexia Galicia Dixital 2030, deseñada polo Goberno galego coma un marco dixital común facilitador da actuación das tres Administracións en Galicia de xeito complementario cara a consolidación da transición dixital. Barcón indica que é un obxetivo desta estratexia facer de Galicia unha rexión de referencia en Europa na dixitalización para aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostenible social, económico e ambiental.

“Trátase dunha oportunidade única tanto pola dotación histórica de recursos económicos, máis de 4.000M€, como pola situación tecnolóxica disruptiva en  Intelixencia Artificial, ciberseguridade, Intelixencia do dato e tecnoloxías de conexión (5G/6G). Non menos importante é o aliñamento destas capacidades económicas, tecnolóxicas e de persoas formadas, especializadas e con talento con obxectivos chave derivados das características propias de Galicia no relativo á organización do territorio e a realidade social, económica e productiva” –engade–.

INSCRICIÓN para participar gratuitamente en todas as conferencias.

Share This