Máis de 150 persoas participaron nas catro xornadas impartidas por once prestixiosos expertos internacionais na enfermidade

A Real Academia Galega de Ciencias e a Deputación da Coruña organizaron a actividade esta semana no Pazo de San Roque de Santiago

Os avances recentes sobre o cancro foi o tema ao redor do que xirou o XXIV Ciclo de Conferencias Avances en Ciencia e Tecnoloxía, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación da Coruña, coa colaboración da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG). Celebráronse a semana do 6 ao 9 de xullo, de martes a venres, conferencias en formato semipresencial no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.

O oncólogo molecular español máis relevante a nivel internacional, descubridor do primeiro xene que induce o cancro en humanos, Mariano Barbacid, foi o encargado de poñer fin ao ciclo, cun percorrido pola historia dos estudos desta enfermidade. Tamén hoxe debateuse nunha táboa redonda en vivo sobre os novos retos para avanzar na investigación e curación do cancro en Galicia, moderada pola xornalista Fernanda Tabarés. Nela participaron o doutor Xosé R. Bustelo, vicedirector do Centro de Investigación del Cáncer de Salamanca e académico correspondente da Sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde da RAGC; a investigadora do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigaciones Oncológicas (CNIO), Marisol Soengas; o xefe de Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), Rafael López; a xefa de Servizo de Oncoloxía Médica do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), Rosario García Campelo; e o vicepresidente da Asociación Española contra o Cancro (AECC) da Coruña, Carlos Lamora.

O coordinado da actividade, o doutor Bustelo, manifestou que o ciclo cumpriu coas expectativas que se tiñan inicialmente, conseguindo que once científicos e científicas galegas e españolas relevantes no campo da investigación do cancro aceptasen colaborar na iniciativa, ademais de ser un éxito de participación. Explicou que o ciclo axudou a coñecer mellor á “banda de asasinos” implicados no desenrolo e respostas clínicas dos tumores, así como os métodos que utilizan para converter as células sas do organismo en células malignas.

Tamén destacou que as conferencias serviron para explicar que o coñecemento sobre o cancro está estendéndose dos laboratorios aos hospitais con mellores formas para diagnosticar e tratar aos pacientes. “O desenvolvemento de novas terapias ocasiona o aumento na supervivencia dos pacientes con cancro, así como a mellora da súa calidade de vida” –asegurou–.

Ademais, Xosé Bustelo sinalou que estas investigacións que expuxeron no ciclo os diferentes relatores teñen un alto valor engadido desde un punto de vista económico, dado que permiten o desenvolvemento de novas empresas tecnolóxicas e biomédicas. “Como recordaban moi ben José Tubío e África González, do estudio do xenoma humano e dos anticorpos monoclonais xurdiron empresas que agora supoñen billóns de euros de beneficio económico” –lembrou–.

Por outra parte, Bustelo apuntou que todos os participantes fixeron fincapé en que aínda quedan moitos problemas que acometer co obxecto de derrotar ao cancro. “O reto máis inmediato é conseguir unha supervivencia dos pacientes por enriba do 70% nos próximos dez anos. Todos apostamos a que si o conseguiremos” –indicou–.

Outros científicos e científicas que compartiron os seus coñecementos cos máis de 150 participantes no ciclo foron: José Tubío, investigador do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC); o investigador do Institute for Research in Biomedicine (IRB) de Barcelona, Manuel Serrano; o director do Institut de Recerca contra la Leucèmia de Barcelona, Manel Esteller; a investigadora do IRB, Núria López-Bigas; ademais da catedrática de Inmunoloxía da Universidade de Vigo, África González.

Baixo o título “Avances recentes no coñecemento do cancro: bases moleculares e aplicacións á clínica”, esta edición do ciclo deu unha panorámica xeral sobre os avances recentes no cancro cun carácter altamente divulgativo, con información recente sobre técnicas e mecanismos moleculares que median a orixe, progresión e respostas clínicas do cancro. Tamén se ofreceu unha visión de como estes avances teñen un traslado importante á práctica clínica no ámbito do diagnóstico, tratamento e o desenvolvemento da medicina personalizada.

O presidente da RAGC, Juan Lema, clausurou o ciclo e agradeceu o traballo realizado polo doutor Bustelo na organización da actividade, así como a implicación de todos os relatores nun tema sanitario tan transcendental e a colaboración da Deputación da Coruña.

Share This