A científica Minia Manteiga Outeiro, a primeira catedrática de astrofísica en Galicia, ingresará o vindeiro 4 de marzo na Real Academia Galega de Ciencias ás 19 horas nun acto que terá lugar no pazo de San Roque de Santiago de Compostela. Manteiga, profesora na Universidade da Coruña, traballa tamén nun dos proxectos de exploración espacial máis ambiciosos que se desenvolven na actualidade, a iniciativa Gaia, da Axencia Espacial Europea, que ten por obxectivo crear un completísimo mapa da Vía Láctea.

Sobre Gaia centrará precisamente o seu discurso Minia Manteiga. A súa intervención de ingreso na RAGC levará por título Gaia: O primeiro censo de estrelas da Vía Láctea en seis dimensións. O encargado de responderlle será o académico e catedrático de Electromagnetismo da Universidade de Santiago de Compostela José Rivas Rey.

Share This