Distingue un traballo xornalístico informativo de carácter científico ou tecnolóxico, e en formato escrito ou audiovisual, publicado no último ano en calquera medio de comunicación galego

O prazo de recepción estará aberto do 20 de abril ao 20 de maio, cun premio de 3.000 euros para a peza gañadora e un accésit de 1.000 euros para a segunda mellor proposta

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), convoca a sétima edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, destinado a galardoar unha peza xornalística de carácter científico ou tecnolóxico.

A RAGC considera que a ciencia e a tecnoloxía teñen actualmente un papel determinante e indiscutible no desenvolvemento económico e o benestar social dun país, polo que comunicar estes achados e as súas aplicacións á sociedade galega é unha prioridade. Así, a Academia asegura que os medios de comunicación poden contribuír dun xeito decisivo a acadar este obxectivo. Para estimular esta vertente xornalística, a distinción Celia Brañas pretende recoñecer actividades de comunicación da ciencia e da tecnoloxía entre os profesionais do xornalismo dos medios de comunicación galegos.

A proposta consistirá nunha peza xornalística de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida entre o 1 de xuño de 2021 e o 20 de maio de 2022 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal): diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión. O traballo xornalístico pode ser do xénero da noticia, crónica ou reportaxe, quedando excluídas as entrevistas e artigos.

O traballo poderá versar sobre calquera aspecto relacionado coa ciencia en Galicia, ben sexan achados, difusión do labor de grupos ou centros de investigación, posibles aplicacións dos resultados da investigación ou mesmo casos de éxito de transferencia de resultados ao mercado.

Poderá concorrer a este premio calquera xornalista a título individual ou en equipo, que desenvolva a súa actividade en medios de comunicación de Galicia ou en edicións galegas de medios estatais, e poderanse presentar un máximo de tres traballos por candidato individual ou colectivo.

A participación será tramitada de xeito telemático a través dun formulario electrónico dispoñible nas webs da Real Academia Galega de Ciencias (https://www.ragc.gal) e da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) a partir do 20 de abril, data na que se abre o prazo de recepción de traballos. Unha vez descargado e cumprimentado, o formulario será enviado por correo electrónico a pxornal@ragc.gal, acompañado da documentación complementaria sinalada nel. O prazo para presentar os traballos rematará o 20 de maio.

A dotación do premio será de 3.000 euros netos e irá acompañada dun diploma acreditativo. A maiores, concederase un accésit dotado con 1.000 euros netos para o segundo traballo mellor valorado, tamén acompañado dun diploma acreditativo.

Galardón de 2021 para os xornalistas Alberto Quian e Manuel Cruz

O Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021 foi para o xornalista Alberto Quian, pola peza xornalística titulada “Ciclodextrina: la conexión entre “El Señor de los Anillos’ y la pandemia de covid-19”, publicada o 19 de agosto de 2020 no diario dixital El Salto. O accésit deste premio foi para a reportaxe titulada “Investigación fronte a praga da rata toupa”, do xornalista Manuel Cruz Rodríguez, emitido o 10 de abril de 2021 no programa Labranza da CRTVG. A distinción foi en 2020 para o xornalista Xavier Fonseca, redactor do diario La Voz de Galicia, pola reportaxe titulada “Se o quentamento segue, hai opcións de que chegue a Galicia un gran furacán”, publicada o 30 de outubro de 2019. O accésit deste premio foi para a reportaxe titulada “A aposta científica das aulas galegas”, asinada por Selina Otero e publicada o 15 de decembro de 2019 no xornal Faro de Vigo.

Más información e bases:

Pioneira na incorporación da muller á cultura científica

Celia Brañas naceu na Coruña en 1880, filla de Consuelo Fernández Miranda e do xornalista, escritor e farmacéutico Gonzalo Brañas y Sánchez Boado, e simbolizou o esforzo das mulleres da súa xeración por ter un papel protagonista na sociedade, e, de forma singular nun terreo no que historicamente a súa presenza fora máis escasa, a cultura científica.

Estudou na Escuela Normal de A Coruña, onde obtivo o título de mestre elemental e superior e, despois, cursou o Bacharelato no Instituto local. Posteriormente, superou na Escuela Superior de Comercio a materia de “Reconocimientos de productos comerciales y Prácticas de Laboratorio” e na Universidade de Santiago de Compostela examinouse das materias de Mineraloxía e Botánica, Zooloxía e Física e Química, é dicir, do curso preparatorio da Facultade de Ciencias.

En 1908 iniciou o seu labor docente na Escuela Normal coruñesa como profesora auxiliar. En 1911 aprobou a oposición de profesora numeraria de Ciencias e encargouse da docencia de Física, Química e Historia Natural. Ocupou a dirección da Normal en diversas etapas e xubilouse en 1946. En 1922, desfrutou dunha bolsa de dous meses da Junta para Ampliación de Estudios (JAE) para prácticas de Histoloxía nos laboratorios do Instituto de Ciencias Naturales de Madrid.

A súa visión da ensinanza das Ciencias estivo en consonancia coa proposta educativa dos movementos de renovación pedagóxica da época, a “ensinanza activa”. Celia entendeu que a súa responsabilidade de educadora non se debía restrinxir ao espazo das aulas e desenvolveu un notable labor divulgativo.

Share This