Distingue un traballo xornalístico informativo de carácter científico ou tecnolóxico, e en formato escrito ou audiovisual, publicado no último ano en calquera medio de comunicación galego

O prazo de recepción estará aberto do 20 de abril ao 20 de maio, cun premio de 3.000 euros para a peza gañadora e un accésit de 1.000 euros para a segunda mellor proposta

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), convoca a sexta edición do Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas, destinado a galardoar unha peza xornalística de carácter científico ou tecnolóxico.

A RAGC considera que a ciencia e a tecnoloxía teñen actualmente un papel determinante e indiscutible no desenvolvemento económico e o benestar social dun país, polo que comunicar estes achados e as súas aplicacións á sociedade galega é unha prioridade. Así, a Academia asegura que os medios de comunicación poden contribuír dun xeito decisivo a acadar este obxectivo. Para estimular esta vertente xornalística, a distinción Celia Brañas pretende recoñecer actividades de comunicación da ciencia e da tecnoloxía entre os profesionais do xornalismo dos medios de comunicación galegos.

A proposta consistirá nunha peza xornalística de carácter informativo, en formato escrito ou audiovisual, publicada ou emitida entre o 1 de xuño de 2020 e o 20 de maio de 2021 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal): diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión. O traballo xornalístico pode ser do xénero da noticia, crónica ou reportaxe, quedando excluídas as entrevistas e artigos.

O traballo poderá versar sobre calquera aspecto relacionado coa ciencia en Galicia, ben sexan achados, difusión do labor de grupos ou centros de investigación, posibles aplicacións dos resultados da investigación ou mesmo casos de éxito de transferencia de resultados ao mercado.

Poderá concorrer a este premio calquera xornalista a título individual ou en equipo, que desenvolva a súa actividade en medios de comunicación de Galicia ou en edicións galegas de medios estatais, e poderanse presentar un máximo de tres traballos por candidato individual ou colectivo.

A participación será tramitada de xeito telemático a través dun formulario electrónico dispoñible nas webs da Real Academia Galega de Ciencias (https://www.ragc.gal) e da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) a partir do 20 de abril, data na que se abre o prazo de recepción de traballos. Unha vez descargado e cumprimentado, o formulario será enviado por correo electrónico a pxornal@ragc.gal, acompañado da documentación complementaria sinalada nel. O prazo para presentar os traballos rematará o 20 de maio.

A dotación do premio será de 3.000 euros netos e irá acompañada dun diploma acreditativo. A maiores, concederase un accésit dotado con 1.000 euros netos para o segundo traballo mellor valorado, tamén acompañado dun diploma acreditativo.

Galardón de 2020 para os xornalistas Xavier Fonseca e Selina Otero

O Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2020 foi para o xornalista Xavier Fonseca, redactor do diario La Voz de Galicia, pola reportaxe titulada “Se o quentamento segue, hai opcións de que chegue a Galicia un gran furacán”, publicada o 30 de outubro de 2019. O accésit deste premio foi para a reportaxe titulada “A aposta científica das aulas galegas”, asinada por Selina Otero e publicada o 15 de decembro de 2019 no xornal Faro de Vigo.

Más información e bases:

Share This