Inés Santé, directora xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), impartirá a charla no salón de actos da Deputación provincial ás 19 horas, que tamén se poderá seguir en streaming

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), finalizan mañá mércores, 24 de novembro, o XXXII ciclo Luis Asorey, centrado nesta edición de 2021 na “Dixitalización do sector agrario en Galicia”, tema de candente actualidade, con conferencias nas que se irán abordando as estratexias autonómica, nacional e europea  e as referentes á modernización tecnolóxica dos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, e do rural en xeral, a través de fórmulas como as “Smart farmings” ou as aldeas intelixentes. Tamén se exporán casos de éxito en relación coa dixitalización do sector.

A última charla de maña, “Estratexias de dixitalización para o territorio rural galego”, estará impartida pola doutora enxeñeira Agrónoma e directora xeral de Desenvolvemento Rural e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, Inés Santé Riveira.

En 2017 a Comisión Europea lanzou a Acción da UE en favor das aldeas intelixentes, na que se promove o concepto de Smart Villages, que foi posteriormente redefinido e concretado no proxecto piloto Smart Eco-social Villages, no que se describen as smart villages como comunidades en áreas rurais que usan solucións innovadoras para mellorar a súa resiliencia, a partir de fortalezas e oportunidades locais. Inés Santé explica que a iniciativa de aldeas modelo, posta en marcha pola Xunta de Galicia, alíñase perfectamente coa política de smart villages impulsada pola UE, polo que servirá de base para a creación dunha rede de aldeas nas que, ademais de recuperar a actividade agraria da contorna e reducir así o risco de incendio, implantaranse solucións innovadoras e tecnolóxicas co fin último de mellorar a calidade de vida e a cohesión territorial nas áreas rurais.

Por outra parte, Santé analizará o proxecto Rural Dixital 4.0, encamiñado a construír infraestruturas tecnolóxicas e un conxunto de produtos orientados á creación de novas oportunidades de negocio para os recursos territoriais, á mellora da cantidade e calidade dos servizos á poboación e ao aumento do impacto dos instrumentos públicos. Proponse un sistema constituído por tres módulos: (1) infraestrutura de coñecemento territorial, (2) rural intelixente, que utilizará o módulo anterior para xerar coñecemento e novas aplicacións que axuden na planificación do territorio rural e na recuperación das terras agrarias, así como ao deseño e toma de decisións das actividades que utilizan e xestionan este territorio, especialmente no ámbito da bioeconomía; e (3) sistema de información para aldeas intelixentes, que dará soporte á mellora dos servicios públicos e da gobernanza dos recursos locais.

Para este ciclo, coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, a inscrición é gratuíta e desenvólvese en formato mixto: presencial, no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), e de forma telemática a través da canle de Youtube da RAGC, en horario de 19:00 a 21:00 horas. O ciclo está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia como actividade de formación do profesorado non universitario. INSCRICIÓN para participar gratuitamente en todas as conferencias.

Share This