Francisco Marcellán Español

Catedrático de Matemática Aplicada na Universidade Carlos III de Madrid

Francisco Marcellán (Zaragoza, 1951) é doutor en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Zaragoza. Recibiu o Premio Nacional de Licenciatura en Matemáticas. É catedrático de Matemática Aplicada na Universidade Carlos III. Foi profesor nas universidades de Zaragoza, Santiago de Compostela e Politécnica de Madrid. Está adscrito como investigador do Instituto de Ciencias Matemáticas. Realizou estadías como investigador nas Universidades Paul Sabatier (Toulouse), Pierre et Marie Curie (París), Denis Diderot (París) e Lille; e foi profesor visitante no Instituto de Tecnoloxía de Xeorxia (Atlanta) e en Coímbra.

Conta con máis de 270 publicacións en revistas internacionais de alto índice de impacto xunto con setenta publicaciones en actas de congresos. Participou en comités organizadores e científicos de máis de 90 eventos científicos e foi conferenciante convidado nun centenar de congresos da súa especialidade. Forma parte dos comités editoriais, entre outras, das revistas Journal of Approximation Theory e Electronic Transactions in Numerical Mathematics.

Foi vicerreitor de Investigación na Universidad Carlos III de Madrid, director da ANECA e secretario xeral de Política Científica e Tecnolóxica no Ministerio de Educación e Ciencia (2006-2008). É académico correspondente das Academias de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de Colombia e das de Granada e Zaragoza. Na actualidade é presidente da Real Sociedad Matemática Española e do Comité Español de Matemáticas, a organización española adherida á Unión Matemática Internacional.