O salón nobre de Fonseca foi escenario da homenaxe ao profesor José Antonio Redondo López, académico numerario da RAG -sección de Ciencias Económicas e Sociais- desde o ano 2018. Catedrático de Economía Financeira da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia entre 2016 e 2023. O evento estivo organizado polo Departamento de Economía Financeira da USC e a Rede Localis, coa colaboración do Consello de Contas.
Nacido en Lugo en 1951, o profesor Redondo deixou unha pegada indeleble no ámbito académico e profesional. Doutor en Ciencias Económicas pola USC, con premio extraordinario, foi unha figura clave na investigación e o ensino universitario. A súa brillante carreira inclúe roles destacados como investigador asistente na Universidade de California (San Diego), foi director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e membro de diversos consellos e órganos consultivos tanto no ámbito autonómico como no nacional.
Entre os seus logros académicos, destácase o seu labor como vicedecano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, foi director constituínte do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, e dirixiu varios programas de máster. Ademais, publicou unha serie de libros e artigos que contribuíron significativamente ao campo das finanzas empresariais, abordando temas que van desde a teoría do investimento financeiro ata a xestión de riscos e a regulación financeira.
O profesor Redondo tamén liderou proxectos de investigación financiados pola Xunta de Galicia, que abordaron cuestións como a eficiencia do mercado bolsista e o desenvolvemento de sistemas expertos para a valoración de proxectos de investimento. A súa incansable dedicación e o seu profundo coñecemento no ámbito económico e financeiro convertérono nunha figura moi apreciada nos eidos académico e profesional.