Juan Ramón Sanmartín Losada

Profesor emérito de Física da Universidade Politécnica de Madrid

Juan Ramón Sanmartín (A Estrada, 1941) é doutor en Enxeñaría Aeronáutica pola Universidade Politécnica de Madrid, licenciado en Ciencias Físicas pola Universidade Complutense, e doutor en Enxeñaría Aeroespacial pola Universidade de Colorado -onde foi científico visitante-. Foi investigador asociado na Universidade de Princeton e no Instituto Tecnolóxico de Massachusetts, onde tamén foi profesor visitante. Foi así mesmo científico visitante no Observatorio Astrofísico Smithsoniano de Harvard. Traballou como enxeñeiro no Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial e foi profesor na Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Aeronáuticos da Universidade Politécnica de Madrid, onde foi catedrático de Física e desde 2011 é profesor emérito. Foi membro do xurado dos Premios Príncipe de Asturias de Ciencias.

En 1991 introduciu o concepto bare tether na tecnoloxía emerxente de amarras espaciais, uns mecanismos que poderían contribuír no futuro á eliminación do lixo espacial e á exploración dos grandes planetas do Sistema Solar. A Axencia Espacial Europea aproboulle en 1993 un experimento de demostración con Alcatel Space para os Columbus Precursor Flights; seguíronlle outros proxectos para a NASA e para a propia ESA.
En relación con Galicia, destacan os seus traballos sobre o movemento do botafumeiro, que se recollen en dous artigos publicados no American Journal of Physics en 1984 e en Investigación y Ciencia e Pour la Science en 1990. É sobriño do galeguista Antón Losada Diéguez.