O arquitecto César Portela (Pontevedra, 1937), académico da RAGC, recibiu a Medalla de Oro de la Arquitectura, a distinción máis importante que concede a profesión, instituída polo Consejo Superior de los Colegios de Arquitectos de España (CSCAE) en 1981. No seu ditame, o xurado valorou a “solidez” da traxectoria profesional de César Portela “como referente galego para novas xeracións de arquitectos/as tanto na Arquitectura como no Urbanismo”. Así mesmo, destaca o labor do “arquitecto localista que supera o seu ámbito natal para proxectarse internacionalmente”.

É un gran recoñecemento para un arquitecto referente en Galicia que dedicou a súa vida á arquitectura e á profesión. Conseguiu ser un referente na arquitectura internacional, con obra presente en Andalucía, Cataluña, País Vasco, Valencia e en países como Xapón, Venezuela, Cuba, Alxeria e Exipto. A súa obra abrangue diferentes escalas, desde pequenas intervencións realizadas con gran coidado e respecto ao patrimonio construído e á contorna natural, até os grandes edificios dotacionais nos que se combina arquitectura, construción e o emprego de novas tecnoloxías.

Na súa dilatada traxectoria destacan obras de edificación como a Estación de Autobuses de Córdoba, que lle valeu, en 1999, o Premio Nacional de Arquitectura; a Estación Central de Valencia, o Museo de Historia Natural de Galicia, o Palacio de Congresos e o Edificio Domus, na Coruña; o Cemiterio Municipal de Fisterra, a Estación de Ferrocarril de Cádiz; o Palacio Auditorio Mar de Vigo e a Terminal do Aeroporto da devandita cidade; o Museo Etnográfico de Togamura, en Xapón, e a Torre de Control Sharm El-Sheik, en Exipto, entre outras. Tamén proxectou intervencións no espazo público, como o Plan Director do Cabo Fisterra, a rehabilitación da Illa de San Simón ou o Plan Especial de intervención no Pazo de Oca e a súa contorna, recoñecido en 1981 co Premio Nacional de Urbanismo. A estes recoñecementos súmanse distincións e honras de diversas institucións nacionais e internacionais.

Profesor convidado en numerosas universidades e institucións de todo o mundo -entre elas, a Escola Superior de Arquitectura de Pamplona, Nancy, Caracas, Lisboa ou Weimar, tamén dirixiu diversos seminarios e talleres de arquitectura, algúns tan relevantes como os talleres internacionais de Arquitectura de Nápoles, Sevilla, Barcelona, Belfort, Caracas, a IV Bienal de Arquitectura de Santander; o Seminario sobre Cultura e Natureza: Arquitectura e Paisaxe, dependente da Universidade Menéndez Pelayo, na Illa de San Simón, e a dirección do Seminario de Arquitectura da Universidade de Weimar. Foi catedrático de Proxectos durante 20 anos na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

Share This