O doutor en Veterinaria e profesor da Facultade de Veterinaria da USC, Ramiro Antonio Fouz, impartirá a charla no salón de actos da Deputación provincial ás 19 horas, que tamén se poderá seguir en streaming

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Lugo, coa colaboración do Campus Terra da Universidade de Santiago (USC), celebran mañá mércores, 17 de novembro, a terceira conferencia do XXXII ciclo Luis Asorey, centrado nesta edición de 2021 na “Dixitalización do sector agrario en Galicia”, tema de candente actualidade, con conferencias nas que se irán abordando as estratexias autonómica, nacional e europea  e as referentes á modernización tecnolóxica dos subsectores agrícola, gandeiro e forestal, e do rural en xeral, a través de fórmulas como as “Smart farmings” ou as aldeas intelixentes. Tamén se exporán casos de éxito en relación coa dixitalización do sector.

Para este ciclo, coordinado polo doutor enxeñeiro de Montes, catedrático da USC, novo presidente da Asociación Forestal de Galicia (AFG) e membro numerario da RAGC, Antonio Rigueiro, a inscrición é gratuíta e desenvolverase ata o 24 de novembro en formato mixto: presencial, no salón de actos da Deputación de Lugo (rúa San Marcos, 8), e telematicamente a través da canle de Youtube da RAGC, en horario de 19:00 a 21:00 horas. O ciclo está recoñecido pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia como actividade de formación do profesorado non universitario.

A charla de mañá tratará sobre “A dixitalización na produción de leite” e estará impartida por Ramiro Antonio Fouz Dopacio, doutor en Veterinaria e profesor da Facultade de Veterinaria da USC. As tecnoloxías de precisión existentes están a reportar unha grande cantidade de datos no sector da produción de leite. Polo feito da súa dixitalización, Fouz explica que se xera información moi valiosa na toma de decisións, permitindo pasar dunha toma de decisións intuitiva a facelo baseándose en datos, axudados por algoritmos ou pola intelixencia artificial, que manexando miles de datos, xera posibles escenarios en base á información que van acumulando, algo tan sinxelo como precisar cando inseminar unha vaca en función do seu patrón de movemento.

Ademais, o doutor en Veterinaria apunta que os investimentos en tecnoloxía teñen que reportar un retorno para o negocio, dado que a instalación de tecnoloxía non garante de forma automática melloras na xestión da granxa nin na súa eficiencia técnica. Tamén destaca que a súa implementación precisa dunha capacitación no uso da tecnoloxía, na xestión dos datos e nas propias habilidades de interpretar a información que xeran

“Un dos principais motores do cambio cara unha maior tecnificación e dixitalización das granxas é a falta de man de obra, algo que non vai a mudar a curto prazo, polo que é importante entender como reconducir esta tendencia para que as granxas, a maiores de solucionar o problema inicial que motivou a tecnificación, poidan sacar o máximo beneficio da tecnoloxía” –explica–. En definitiva, Foiuz Dopacio abordará estas cuestións para axudar a entender as potencialidades da dixitalización e os retos que supón a súa implementación nas granxas de vacún de leite.

Ramiro Antonio Fouz Dopacio é licenciado en Veterinaria na especialidade de Produción Animal e Economía Agraria pola Universidade de León. É doutor en Veterinaria pola USC. Ademais, é especialista universitario en Mellora Xenética Animal pola Universidade Complutense de Madrid, e especialista universitario en Xestión e Dirección Comercial de Cooperativas e PEMES pola USC. Desenvolveu a súa carreira profesional en programas de reprodución, calidade de leite e racionamento de gando vacún durante oito anos, para pasar a xestionar o control leiteiro na provincia de Lugo, sendo coordinador do CEGACOL desde 2014. Na actualidade traballa como profesor da Área de Produción Animal na Facultade de Veterinaria no Campus de Lugo da USC.

INSCRICIÓN para participar gratuitamente en todas as conferencias.

Share This