A catedrática de Ciencias de Materiais da Universidade de Vigo, Carmen Pérez, e o investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) no Centro Oceanográfico de Vigo, Jesús Gago, impartiron a sesión

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra iniciaron o pasado 29 de abril a segunda edición do “Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, unha actividade gratuíta destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social e impulsar o enorme labor científico levado a cabo en Galicia.

O ciclo consta de dous bloques, un primeiro con dez relatorios impartidos por once recoñecidos expertos entre abril e xullo, e un segundo bloque con cinco conferencias presenciais en institutos de Secundaria e Bacharelato durante o inicio do curso académico 2021-2022 –de setembro a decembro–.

O presidente da RAGC, Juan Lema, e deputada de Novas Tecnoloxías e Desenvolvemento Empresarial da Deputación de Pontevedra, a Ana M.ª Mejías, inauguraron esta primeira xornada do ciclo, moderada pola vicepresidenta da RAGC e coordinadora do ciclo, Alicia Estévez.

A primeira sesión de conferencias celebrouse en formato webinario. Baixo o título “Os microplásticos, que son? A súa incidencia na sociedade actual”, a charla estivo impartida pola catedrática de Ciencias de Materiais do Departamento de Enxeñería de Materiais, Mecánica Aplicada e Construción da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen Pérez Pérez.

Desde o seu gran desenvolvemento na primeira metade do século XX, os plásticos forman parte da nosa vida. Carmen Pérez explica que permiten o aforro de enerxía e de recursos e contribúen á mellora da calidade de vida. Pero indica que para que a sociedade poida recibir os beneficios que poden chegar a aportar é necesario recuperalos axeitadamente, de tal maneira que os residuos xerados non ameacen o  entorno natural, incluíndo aos ecosistemas mariños.

A experta sinala que desgraciadamente hoxe en día os residuos plásticos atópanse esparexidos no contorno, en particular nos océanos onde se acumulan millóns de toneladas. Destaca que é especialmente problemática a identificación e recuperación dos chamados microplásticos, termo que fai referencia aos residuos plásticos cun tamaño inferior a cinco mm. “Os microplásticos son insolubles en auga, e o seu pequeno tamaño fai especialmente difícil a súa recuperación. Tamén fai que sexan ubicuos, poden atoparse no aire, na auga, nos sedimentos e nos microorganismos tanto terrestres como acuáticos” –explica–. A orixe destes microplásticos é moi diversa: en algúns casos son fragmentos fabricados con ese tamaño (por exemplo os que se atopan en produtos como deterxentes), noutros casos trátase de micropartículas orixinadas a partir da degradación de produtos plásticos. Segundo Carmen Pérez, todas estas particularidades fan que os microplásticos sexan tratados de maneira específica á hora de implementar medidas que diminúan a súa emisión ao medio ambiente.

A segunda charla da xornada, “Microplásticos; descifrando o seu impacto no medio mariño”, correu a cargo do investigador do Instituto Español de Oceanografía (IEO) no Centro Oceanográfico de Vigo, Jesús Gago Piñeiro.

O experto relata que a produción mundial de plásticos non para de aumentar, superando xa os 300 millóns de toneladas ao ano. Ademais, salienta que nos últimos anos a comunidade científica internacional deu a voz de alarma sobre a problemática ambiental relacionada co aumento dramático da entrada e persistencia de materiais plásticos no medio mariño. “Aínda existe certo descoñecemento sobre o impacto dos plásticos no ecosistema, en especial o que teñen os de menor tamaño, os chamados microplásticos” –apunta–. Nesta charla presentaranse algúns dos impactos observados no medio mariño polos microplásticos, en base aos resultados dos últimos estudos publicados.

Share This