Manuel Colmeiro y Penido

Día da Ciencia en Galicia 2023

O

economista Manuel Colmeiro y Penido é o homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia 2023, unha celebración promovida pola RAGC para reivindicar o valor da investigación a través das súas figuras máis destacadas, na maioría dos casos descoñecidas para o gran público. Colmeiro convertése no primeiro científico social que recibe esta distinción da Academia. 

A RAGC destaca que non só foi un académico sobresaínte, polifacético, fecundo e recoñecido, cunha obra que influenciou a múltiples economistas, xuristas e historiadores. Foi tamén unha forza de cambio económico e social en Galicia e España, con múltiples contribucións ao conxunto da sociedade.

Un economista preocupado polo benestar social

Retrato de Colmeiro por Manuel Mampaso

 

 

Manuel Colmeiro y Penido (Santiago de Compostela, 1818 – Madrid, 1894) licenciouse en Dereito e doutorouse en Leis na facultade de Dereito da Universidade de Santiago. Foi profesor de Economía Política e de Dereito Político e Administrativo da USC desde 1840. Con tan só 29 anos foi nomeado catedrático de Economía Política e Dereito Político e Administrativo na USC e de Dereito Político e Administrativo na Universidad Central de Madrid, onde ocupou a súa cátedra ata 1881.

 

Manuel Colmeiro foi un dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da Economía, o Dereito Administrativo e o Dereito Político, destacando ademais a súa dedicación á Historia. Anhelaba un modelo de sociedade máis aberta, con maior participación cidadá, convencido de que a principal misión da ciencia económica era «hacer el bienestar tan general como fuere posible».

 

Expediente académico do curso 1835-1836 de Filosofía. Arquivo Histórico da USC

Portada do discurso de inauguración do curso 1856-60 da Universidad Central de Madrid

O estilo da súa aproximación á problemática económica é sorprendentemente moderno e equilibrado, inspirado por unha positiva conciencia social. Así, defendeu a existencia de sindicatos para resolver os conflitos; unha lexislación limitadora do traballo infantil; o proteccionismo ás pemes; a eliminación de impostos de consumos; estender a educación, as caixas de aforros e a beneficencia pública; o establecemento dunha política activa do Goberno para remediar o desemprego e a mendicidade; ou unha rede viaria “por conta do Estado”.

A finais de 1842 foi nomeado socio de mérito da Real Sociedade Económica de Santiago, desde onde formou parte de comisións que estudaron a reforma de pesos e medidas, o sistema monetario español, a renda do sal, o establecemento dunha fábrica de sedas e algodóns en Santiago, así como os medios que se poderían propoñer para activar a construción de varias estradas na provincia.

Busto de Colmeiro no claustro da Escola Galega de Administración Pública

Un gran científico social, defensor do eclecticismo

Páxina do seu “Tratado elemental de economía política ecléctica”

 

O seu “Tratado elemental de economía política ecléctica” (1845) aportoulle unha excelente reputación nos círculos que discutían sobre a natureza e remedio dos males do país. Esta publicación supón unha aberta defensa do eclecticismo, entendido como un distanciamento crítico tanto co materialismo e o dogmatismo teórico da vella economía política, como coas novas correntes socialistas e reformadoras.

Ao longo da década de 1850-1860 achegouse aos postulados da Escola Economista española e emprende unha orientación liberal, que mantería ao longo da súa vida. O seu novo enfoque dos problemas económicos levouno a publicar a súa obra máis sólida, “Principios de Economía Política”. Nela defendeu a conveniencia de amosarse prudente e gradualista na aplicación dos criterios xerais á política económica, tanto en asuntos monetarios como arancelarios.

Foi o primeiro economista en avogar pola abolición do sistema foral no campo galego

En 1843, con tan só 24 anos, publica “Memoria sobre el modo más acertado de remediar los males inherentes a la extremada subdivisión de la propiedad territorial de Galicia”, na que aborda dous temas fundamentais sobre a propiedade agraria, o minifundio e o sistema foral.

Consciente de que a desamortización de Mendizábal de 1836 non daba unha resposta para  a modernización do agro galego, foi o primeiro economista en albiscar a vía que debería seguirse, avogando pola redención dos foros, de xeito que se propiciara que a propiedade da terra fora dos propios labregos que a cultivaban e, ao mesmo tempo, dar solución ao minifundismo. Ao seu xuízo, este cambio contribuiría ao desenvolvemento agrario e económico. Non é ata 30 anos mais tarde que se publica a primeira lei de redención de foros e terían que pasar outros 50 ata que o sistema foral quedara definitivamente abolido en Galicia.

Destacado activista social, foi deputado, senador, conselleiro de Estado e fiscal do Tribunal Supremo

Colmeiro foi membro fundador e copresidente da Sociedade Libre de Economía Política, membro da xunta directiva da Asociación para a Reforma dos Aranceis de Aduanas, relator do Real Consello de Instrución Pública, presidente da Xunta Consultora do Instituto Xeográfico e Estatístico, vogal da Xunta de Reforma do Código de Comercio, deputado electo e senador electo pola provincia de Pontevedra, conselleiro de Estado, senador vitalicio e fiscal do Tribunal Supremo.

Nomeamento como conselleiro de Estado en 1880

Manuscrito de Colmeiro con selo da Real Academia de Ciencias Morales y Políticas (1842-1844)

Distincións e recoñecementos

Foi socio numerario da Real Academia de Historia, socio fundador da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas, membro da Real Academia de Ciencias e Belas Artes de Bélxica, da Real Academia dos Linces de Roma, do Instituto Imperial de Francia e do Instituto de Xenebra. Ademais, foi profesor honorario das Universidades de Cracovia e de Charcov.

Entre as súas distincións, foi condecorado como Comendador ordinario da Real Orde de Carlos III, Cabaleiro Gran Cruz da Orde Civil de María Vitoria, Gran Cruz da Real Orde de Isabel a Católica. En 1992 a Xunta de Galicia creou o Premio Manuel Colmeiro para traballos de investigación sobre a Administración pública.

Vítor dedicado a Colmeiro, pintado por Manuel López Garabal, que se conserva na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago

Acta de bautismo de Colmeiro na parroquia de Santa María del Camino de Santiago de Compostela. Arquivo Histórico Diocesano

Inicio da necrolóxica de Colmeiro lida por Melchor Salvá na Real Academia de Ciencias Morales y Políticas